Tuesday 14 de May de 2024

A Xunta renova e mellora o tique eléctrico social incrementando as axudas que poden chegar ata os 300 euros anuais


O titular da Xunta precisa que se antes as axudas eran de ata 90 euros anuais para familias cun ou dos fillos e de 120 euros para familias con tres fillos ou máis, agora pasan a ser de ata 180 en familias cun ou dous fillos e de ata 300 euros no caso de familias numerosas

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou hoxe a aprobación dunha nova convocatoria do tique eléctrico social para seguir axudando no pago do recibo da luz a aquelas familias que teñen máis dificultades económicas.

“Decidimos ampliar o tique eléctrico social tanto no eido dos beneficiarios como das axudas directas, beneficiando a aquelas familias galegas con fillos menores de idade e cuxos ingresos non superen 1,5 veces o IPREM”, dixo, ao que engadiu que, ademais da simplificación dos trámites administrativos e o reforzo das vías de tramitación, para que sexa máis rápido obter esta axuda, o tique será compatible coa Risga, polo que os potenciais beneficiarios se incrementan de 15.000 ata 40.000 familias posibles beneficiarias.

Así mesmo, o orzamento increméntase ata os 1,5 millóns de euros; e increméntanse as contías, que se antes eran de ata 90 euros anuais para familias cun ou dos fillos e de 120 euros para familias con tres fillos ou máis, agora pasan a ser de ata 180 en familias cun ou dous fillos e de ata 300 euros no caso de familias numerosas. “É dicir, incrementamos as axudas un 100% no caso das familias con dous ou menos fillos e un 150% no caso das familias con tres ou más fillos”, aseverou.

Consciente de que a enerxía eléctrica é unha cuestión básica, o presidente do Goberno galego desatacou que a Xunta leva traballando en relación a este asunto nos últimos anos. E, neste sentido, lembrou que no Instituto Galego de Consumo resolvéronse a favor do consumidor un 60% das máis de 3.000 reclamacións presentadas no eido da electricidade nos 10 primeiros meses de 2014; “estanse a desenvolver campañas para facer máis comprensible a factura da luz e fomentar o aforro enerxético; estamos levando a cabo traballos de impulso de aforro da eficiencia enerxética; e puxemos en marcha o tique eléctrico social hai uns meses”.